•
Identifícanse sete figuras femininas en escenas de danza acompañadas de
salterios e cítolas, con tabletas sostidas na palma da man, non comparables a
castañolas ou texoletas.
O códice Cancioneiro da Ajuda das letras galego-portuguesas. Foi copiado no último terzo do século XIII nun ambiente cortesán, probablemente vinculado á corte de Afonso X ou á nobreza portuguesa próxima ao mosteiro de Alcobaça. O manuscrito, conservado hoxe na Biblioteca Nacional de Lisboa (Cod. Ajuda 1185), contén un repertorio de cantigas amorosas —poesía lírica de natureza trobadoresca— aínda que quedou inacabado e sen notación musical. Non obstante, as súas ricas iluminacións marxinais ofrecen unha xanela única ao mundo visual, social e artístico da corte medieval.
Desde o punto de vista organolóxico,
as miniaturas do Cancioneiro da Ajuda teñen un valor excepcional. Aínda que
poucas en número, as súas representacións de músicos, cantantes e bailaríns
proporcionan información concreta sobre a presenza e o uso de instrumentos no
contexto da poesía lírica trobadoresca. Os detalles iconográficos, como a forma
dos instrumentos, a técnica de suxeición ou a interacción entre a danza e a
música, permítennos reconstruír as prácticas musicais da época e clarificar a
interpretación das fontes textuais.
Particularmente relevante é o grupo
de sete danzantes representados sostendo táboas traqueteantes, que constitúe un
dos testemuños máis coherentes e sistemáticos do uso deste tipo de idiófono na
iconografía musical medieval peninsular. Todas as figuras presentan unha
notable uniformidade tanto no deseño do instrumento como no contexto escénico,
o que nos permite afirmar que estamos ante un modelo iconográfico consolidado.
As táboas que portaban estas
mulleres son sempre dous pares por figura, unha en cada man, de forma
rectangular, sen decoración visible e suxeitas firmemente na palma da man, sen
indicación de que estean inseridas entre os dedos ou colgadas de cordas.
A ausencia de movemento
colisionante no momento representado suxire unha postura estática ou preparatoria,
dentro dunha linguaxe visual tipicamente medieval que evita representar accións
fugaces. Esta forma de suxeición —sólida, frontal, controlada— exclúe por
completo a identificación con castañolas ou texoletas, tanto pola súa forma
como pola súa técnica de interpretación.
En todas as miniaturas, os
bailaríns aparecen nun contexto cortesán e musical, acompañados por músicos que
tocan instrumentos de corda, probablemente salterios e cítolas, o que reforza a
interpretación destas escenas como actos ritualizados ou espectáculos cortesáns
nos que a danza está directamente ligada á interpretación instrumental.
Iconograficamente, os bailaríns
manteñen unha homoxeneidade na súa postura, roupa (túnicas bicolores con
decoración lateral) e xestos, o que subliña unha intención estética común e
posiblemente un código visual coñecido polo público do manuscrito.
---------------------------------------------------------------------
Folio |
Descrición
do xesto |
Instrumento
acompañante |
Observacións
organolóxicas |
Lacuna I, fol. 4r |
Brazos á altura do peito |
Saltério |
Tabletas de entrechoque
claramente definidas |
Lacuna V, fol. 16r |
Brazo dereito elevado, esquerdo á altura do peito |
Saltério |
Mesmo tipo iconográfico ca figura
anterior |
Lacuna V, fol. 17r |
Mesma postura que a anterior |
Saltério |
Tabletas pequenas, ben
delimitadas |
Lacuna VII, fol. 29r |
Mans á altura dos ombreiros. |
Cítola |
Continuidade iconográfica,
actitude danzante |
Lacuna XI, fol. 51v |
Ambos brazos en ángulo, mans con
tabletas orientadas cara ao espectador |
Cítola |
Figuras femininas activas,
contexto cortesán |
Lacuna XII, fol. 55v |
Mesma postura que a anterior |
Cítola |
Túnica bicolor, xesto expresivo |
Lacuna XII, fol. 59r |
Ambos brazos elevados, mans fronte
ao rostro |
Saltério |
Imaxe final do conxunto, reafirma
o esquema común |